|
REGULAMENTO DAS ESTANCIAS NA FACULTADE DE VETERINARIA
Aprobado pola Xunta de Facultade do día 20 de decembro de 2007
(Texto Refundido do Regulamento inicial aprobado pola Xunta de Facultade de 4 de marzo de 2005 e modificacións posteriores)
As Estancias (PTL131) son unha materia troncal para a formación na práctica profesional veterinaria. Esta materia ten unha duración de 15 créditos de 30 horas; en total 450 horas.
Para matricularse das Estancias cómpre ter aprobados o 100% dos créditos troncais dos tres primeiros cursos da titulación.
Dado que gran parte do traballo desta materia se desenvolve en empresas ou entidades externas á Facultade de Veterinaria, o/a alumno/a ten a obriga de manter certas normas de comportamento que se recollen nun compromiso ético que é necesario asinar para realizar as prácticas
As Estancias teñen unha duración de 10 semanas que se distribúen en 6 rotacións. As cinco rotacións seguintes son obrigatorias:
2 semanas no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina (HRC)
1 semana nunha empresa de producción de gando vacún
1 semana nunha empresa de producción doutros animais de renda
1 semana en postos da administración
1 semana en industrias de transformación, matadoiros, ou similares (de non existir suficiente oferta de titores profesionais para realizar esta rotación, poderá ser substituída por unha segunda semana en postos da administración)
A sexta rotación será a elixir entre unha das seguintes:
4 semanas en clínica de grandes animais
4 semanas en clínica de pequenos animais
4 semanas en ampliación nunha das rotacións obrigatorias (excepto HRC)
En cada rotación un/a estudante traballará con un veterinario que exercerá como titor profesional. O titor profesional avaliará tres conceptos: puntualidade e asistencia; habilidades e destrezas; e técnicas e actitudes (ver impreso adxunto). Adicionalmente, o/a estudante deberá realizar unha memoria (ver impreso adxunto) de cada rotación que será avaliada por un profesor da Facultade que exercerá como titor docente.
A Universidade de Santiago de Compostela expedirá un certificado a cada un dos profesionais que participen nestas actividades recoñecéndoos como “colaboradores oficiais” na docencia práctica dos/as estudantes da Facultade de Veterinaria
O horario dos/as estudantes en cada rotación debe adaptarse ao dos profesionais cos que realiza a práctica. As dúas semanas no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina contabilizan 100 horas (40 horas semanais máis unha garda de fin de semana). As outras oito semanas realízanse fóra da Facultade e contabilizan 320 horas (40 horas semanais). As restantes 30 horas dedícanse á realización das memorias cuxa presentación é obrigatoria para superar a materia.
O desenvolvemento das Estancias realízase a tempo completo, polo tanto será incompatible coa docencia presencial noutras materias da titulación. En consecuencia, durante a primeira quenda de Estancias, so poderán realizar as Estancias aqueles estudantes que non estean matriculados por primeira vez en materias do primeiro cuadrimestre ou anuais.
Cada curso académico haberá dous períodos nos que se poden realizar as estancias. Son o período de Outubro e o período de Xullo. A continuación amósase o calendario aproximado deses dous períodos.
PERIODO |
OUTUBRO |
XULLO |
PREINSCRICION |
Dende peche de actas de setembro ata a 2ª semana de outubro |
2ª quincena de abril |
MATRICULA |
3ª semana outubro |
2ª semana de maio |
ASIGNACION TITORES |
4ª semana de outubro |
3ª semana de maio |
PERIODO DE ESTANCIAS |
Novembro, decembro e xaneiro |
Xullo, agosto e setembro |
ENTREGA DE MEMORIAS |
Ata a 1ª semana de febreiro |
Ata a 2ª semana de outubro |
ENTREGA DE NOTAS (Profesionais e Docentes) |
Ata a 3ª semana de febreiro |
Ata a 3ª semana de outubro |
PECHE DE ACTAS |
Marzo (coincidindo coas actas do 1º cuadrimestre |
Última semana de outubro |
PREINSCRIPCIÓN
A preinscrición realizarase na Facultade para cada periodo.
Si finalizado o período de preinscrición houbese mais solicitantes que prazas pode ofertar a Facultade, para realizar a selección terase en conta en primeiro lugar o número de créditos superados e en caso de empate a nota media do expediente académico.
Ó realizar a preinscripción o/a alumno/a pode propoñer titores profesionais para unha ou varias rotacións (excepto para a do HRC). Os titores profesionais poden ser veterinarios colexiados de calquera parte de España. A aceptación dos veterinarios propostos como titores é responsabilidade da Facultade e presupón a aceptación por parte do titor profesional do Convenio asinado entre a Universidade de Santiago e os Colexios Veterinarios de Galicia. Para os veterinarios de fóra de Galicia é necesario asinar persoalmente ese convenio coa Universidade de Santiago.
MATRÍCULA
A matrícula, que se realizará na Unidade de Xestión Académica do Campus de Lugo, da dereito á realización dun único período de estancias. De no superalas o/a alumno/a deberá volver a matricularse da materia completa, unha vez que volva a ser admitido polo Centro.
As Estancias non poden matricularse na convocatoria extraordinaria de fin de carreira. Non obstante, os/as alumnos/as que teñan pendentes as estancias poderán matricularse de ata 25 créditos na convocatoria de fin de carreira.
ASIGNACIÓN DE TITORES
A asignación dos titores profesionais propostos por cada estudante, unha vez aceptados pola Facultade, faise de forma directa.
A asignación de titores para as restantes rotacións faise nunha reunión presencial de tódolos/as estudantes matriculados para realizar as Estancias, na que se terá en conta a orde de prelación segundo o número de créditos superados e en caso de empate a nota media do expediente académico.
COMEZO E FINALIZACIÓN DAS ESTANCIAS
Poderán realizar as Estancias na quenda de outubro aqueles alumnos que cumpran os requisitos despois do peche das actas da convocatoria de setembro.
Para realizar as estancias na quenda de Xullo deben cumprirse os requisitos despois do peche das actas da primeira convocatoria (febreiro).
As rotacións deben realizarse no tempo establecido para elo dentro de cada período e, en calquera caso, sempre antes do momento fixado para o peche das actas de cada período.
SISTEMA DE AVALIACIÓN E CUALIFICACIÓN DAS ESTANCIAS
Cada rotación será avaliada cualitativamente (mal, regular, ben o moi ben) polo titor profesional e polo titor docente.
A cada cualificación outorgada polos titores se lle asignará un valor numérico do xeito que a seguir se especifica:
Titor profesional:
Cualificación outorgada Valor numérico asignado
Mal 0 puntos
Regular 1 punto
Ben 2 puntos
Moi ben 3 puntos
en cada un dos tres conceptos que se poden avaliar (ver impreso adxunto). A cifra total multiplicarase polo número de semanas da rotación.
Titor docente:
Cualificación outorgada Valor numérico asignado
Mal 0 puntos
Regular 1 punto
Ben 2 puntos
Moi ben 3 puntos
Esta puntuación multiplicarase polo número de semanas da rotación e por dous, para diminuír a diferencia entre a cantidade de puntos que ambos titores poden outorgar (9 puntos o profesional, 6 o docente).
O titor docente deberá basear a súa avaliación na presentación da memoria e no grado de aproveitamento da rotación e non no número de actividades realizadas, pois o número de actividades depende do volume de traballo do centro asignado en cada rotación e non do estudante.
Finalmente, o número máximo de puntos posibles farase equivalente coa cualificación de 10, e a partires dela obterase a cualificación final do estudante mediante regra de tres.
Considerarase suspensa aquela rotación na que o estudante obteña tres puntos, ou menos, no total outorgado polo titor profesional, ou cando a memoria sexa avaliada negativamente (mal) polo titor docente. En calquera destes casos a materia estaría suspensa e o/a alumno/a tería que volver a matricularse da materia completa. Non obstante, non será necesario que o/a estudante repita aquelas rotacións que xa tivera superado.
As cualificacións finais serán aprobadas pola Comisión Permanente da Facultade, e o/a Secretario/a da Facultade será o encargado/a de cubrir e asinar a acta correspondente.
|